O Grove

Unha xoia natural do Mar da Arousa

Camiñantes na Lagoa Bodeira. Foto: Xermán G. Romai


O Grove está bañado polo Mar da Arousa, a ría galega máis ampla e rica en plácton. Isto se reflicte na súa explotación pesqueira, que é o principal recurso económico destes lares.


Xermán G. Romai.-N.D.A ría de Arousa aparece sementada por milleiros de bateas, que dan fe do seu potencial. Pero as xentes do Grove non só se adican ós cultivos mariños. A pesca, a conserva, así como o marisqueo, son as outras actividades principais que se desenvolveron na zona dende a época castrexa, algo do que son testemuña os restos arqueolóxicos atopados ate o de agora.

"A ría de Arousa aparece sementada por milleiros de bateas, que dan fe do seu potencial"

Bateas no Grove. Foto: Xermán G. Romai


Nembargante a riqueza do Grove non é simplemente económica. A súa maior riqueza é a natural. Dende 1989 a zona está incluída no convenio internacional de protección de humidais Ramsar, tamén está catalogada como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e forma parte da rede natura 2000. A zona protexida contempla non só espazos do Grove, coma poden se-lo Istmo da Lanzada ou a Lagoa Bodeira, senón tamén lugares de outros concellos próximos coma a desembocadura do Umia en Cambados ou Punta Carreirón, na Illa de Arousa.

"Non é raro, estando no Bao, ollar o cullereiro ou varios tipos de limícolas, seguir no rastro da marea o seu alimento"

Cullereiro. Foto: Xermán G. Romai


A chegada de aves invernantes, así como os pasos destas cara as súas áreas de cría, é o momento máis interesante para achegarnos ó Grove. O Istmo da Lanzada é un dos lugares máis apropiados para observa-las aves, así por un lado temos a enseada do Bao, é polo outro a Praia da Lanzada. Non é raro, estando no Bao, ollar o cullereiro ou varios tipos de limícolas, seguir no rastro da marea o seu alimento. Así podemos ollar tamén avefrías, píllaras e pilros ou alavancos e rarezas como o ganso cabecinegro que nos acompañou este inverno. Na lanzada é o paso de aves mariñas como o mascato, o carolo ou os corvos mariños o que podemos contemplar. Tamén, chegando o verán, a píllara papuda emprega este lugar para poñe-los seus ovos.

"Na lanzada é o paso de aves mariñas como o mascato, o carolo ou os corvos mariños o que podemos contemplar."

Corvo mariño. Foto: Xermán G. Romai


Outro interesante lugar do Grove para contemplar aves é a pequena Lagoa Bodeira. Trátase da única lagoa litoral da provincia de Pontevedra e, pese o seu reducido tamaño, alberga especies como o pato cullerete, a galiñola negra ou o mergullón pequeno.
Outro dous lugares importantes para a ollada de aves son a desembocadura do río Umia e Punta Carreirón, onde podemos ollar limícolas ou gaivotas estrañas como o bando de gaivota cabecinegra que se puido ver esta primavera.


"podemos ollar limícolas ou gaivotas estrañas como o bando de gaivota cabecinegra que se puido ver esta primavera"

 

Gaivotas cabecinegras. Foto: Xermán G. Romai


A riqueza deste complexo natural non remata nas aves. A flora é outro dos atractivos que pode atopar o naturalista. O Istmo da Lanzada é unha xoia botánica singular. A situación xeográfica, así como a súa ampla zona dunar, fan que aquí se dean cita tanto endemismos da flora atlántica como mediterránea. Así nas dunas podemos ver plantas como a herba de namorar, o carraspique ou a mapoula das praias. Na zona de marisma do Bao son os prados de salicornia ou a zostera o máis común, sen esquecer especies propias do medio salobre como é o caso da tamargueira, un arbusto case que desaparecido en moitos lugares da nosa xeografía.


"Así nas dunas podemos ver plantas como a herba de namorar, o carraspique ou a mapoula das praias"

Mapoula das praias. Foto: Xermán G. Romai


Pero o Grove está a sofrir múltiples agresións que coma sempre veñen da man do home. O fuel do Prestige tamén estragou aquí parte dos seus recursos económicos e naturais. Agora son outros os maiores problemas que soporta este complexo. A construción de cara o turismo de hoteis e apartamentos non está a respectar a día de hoxe os mínimos en protección de costas. Así, proxectos como o de un campo de golf non son vistos con malos ollos polos políticos locais.


"a tamargueira, un arbusto case que desaparecido en moitos lugares da nosa xeografía"

 

Tamargueira. Foto: Xermán G. Romai


Fai falla un maior compromiso por parte da poboación local cá súa riqueza natural, e defender os intereses que lle son propios. A pesca tamén vive do medio ambiente, e os recursos pesqueiros non son unha fonte inesgotable de riqueza. Isto é unha lección que nos deu a catástrofe do Prestige e que moitos non quixeron ou non puideron aprender, pero aínda estamos a tempo e, pase o que pase, o Grove seguirá agardándonos.

 

 

 


 

Contidos

Blogue

Natureza tv

Opinión

Reportaxe

Convidados

Espazos

Diversidade

Ligazóns