Limícolas

Píllara papuda e alcaraván

Pilros cincentos. Foto: Xermán G. Romai


Agrupadas co nome xenérico de limícolas atopamos un amplo abano de especies. Resaltan polo xeral, por posuír longas patas, peteiros longos e curvados ou grandes e fortes, adaptados a rebuscar na area ou a lama. Podemos atopar aves limícolas na praia e en lagoas ou marismas, onde as veremos, normalmente, correr seguindo o rastro do seu alimento principal, que consiste en insectos, miñocas, pequenos peixes ou crustáceos.


Xermán G. Romai.-N.D. As limícolas divídense en dúas grandes familias: a Charadridae e a Scolopacidae.
A Charadridae agrupa a píllaras e avefrías (ate un total de 14 especies) que se distinguen por posuír peteiros curtos e fortes. Nembargante, a Scolopacidae que acolle especies como pilros, mazaricos, biluricos, etc... (ate un total de 51 especies) distínguese por ser aves con peteiros longos, e en ocasións curvos, adaptados a facer sondaxes na area en busca de alimento.


"A Charadridae agrupa a píllaras e avefrías que se distinguen por posuír peteiros curtos e fortes"

Píllara dourada europea. Foto: Xermán G. Romai


As limícolas posúen condutas semellantes. Son (salvo excepcións) grandes migradoras, que só se deteñen nas nosas costas no inverno ou para alimentarse e continuar a súa viaxe. Tamén concordan á hora de face-lo seu niño, para o que empregan unha depresión no chan na que poñen os seus ovos. Os polos son nidífugos (quer isto dicir que deixan o niño nas primeiras horas de vida) e aliméntanse por si mesmos dende o día do seu nacemento.

"a Scolopacidae distínguese por ser aves con peteiros longos, e en ocasións curvos, adaptados a facer sondaxes na area en busca de alimento"

Mazarico rabipinto. Foto: Xermán G. Romai


En Galiza existen dúas especies que destacan polo seu interese. As dúas, a pesares de criar na nosa terra, manteñen un alto risco de perda das súas postas. Son a píllara papuda (Charadrius alexandrinus) e o Alcaraván (Burhinus oedicnemus).
A píllara papuda ou píllara das dunas, mantén colonias en case que toda a franxa costeira galega, pero con poboacións moi baixas. Así os lugares máis produtivos para esta especie son Baldaio ou Corrubedo onde podemos atopar máis de unha ducia de parellas reprodutoras. Pero a píllara se enfronta a un grande perigo. A súa época de cría coincide no tempo cá chegada do verán e os primeiros bañistas, polo que, como pon os seus ovos nun cunco na area, deixa de chocalos ante a posibilidade de intrusións na súa distancia vital. Os bañistas (inconscientemente) déitanse na area a toma-lo sol, en ocasións durante horas, polo que a píllara non se achegará ó niño ate que pase o perigo, arrefriándose os ovos e perdendo a posta. Outras causas, da perda da posta son: o aplastamento dos ovos por algún camiñante ou a predación por outras especies e por cans que vaguen ceibos pola praia.


"empregan unha depresión no chan na que poñen os seus ovos"

Niño de píllara papuda. Foto: Xermán G. Romai


A píllara papuda emprega dúas técnicas para despistar ó posible atacante, unha por parte do adulto e outra por parte do polo. O adulto, cando algún posible depredador se achega moito ó niño opta por apartarse e chama-la atención do intruso. Para isto faise o ferido e deixa caer unha das súas ás, conducindo ó atacante o máis lonxe posible do niño. O polo simplemente se aperta contra o chan ante a aparición dun posible depredador. As súas cores miméticas co entorno fan que pase totalmente desapercibido.

"A píllara papuda emprega dúas técnicas para despistar ó posible atacante"

 

Píllara papuda. Foto: Xermán G. Romai


O alcaraván en cambio non ten grandes poboacións. A pesares de ser unha limícola o seu hábitat non é a costa senón chairas esteparias. Así podemos velo en lugares tan afastados como A Limia (onde mantén a súa maior poboación), Cospeito ou Corrubedo, que é a única poboación costeira de Galiza.

"Os polos son nidífugos e aliméntanse por si mesmos dende o día do seu nacemento"

Polo de alcaraván. Foto: Xermán G. Romai


En Corrubedo mantense unha poboación reprodutora dende fai moitos anos, o que se reflicte na existencia de nomes vernáculos coma galo das dunas ou galiña das dunas. Pero esta poboación estivo a piques de desaparecer. Nas décadas dos oitenta e noventa só se atopan datos (1) de dúas a tres parellas reprodutoras e algo máis de vinte individuos invernantes. Neste ano 2005, un estudio (2) que en breve sairá á luz , detecta un incremento reprodutor espectacular na especie para este lugar, así coma condutas e lugares de nidificación que pasaran desapercibidas para investigacións anteriores.


"o polo de alcaraván deitase no chan aproveitando as cores miméticas do seu plumón"

 

Polo de alcaraván. Foto: Xermán G. Romai


O alcaraván non pon os seus ovos na praia, senón facendo unha cunca en chairas interiores. Ante situacións de perigo para o niño, despista ó posible predador saíndo co corpo baixo e incorporándose a unha distancia de 30 a 50m, onde se fai ver claramente e bota a voar. Para o polo, en cambio, a técnica empregada é a mesma que a da píllara, deitase no chan aproveitando as cores miméticas do seu plumón.

Ámbalas dúas especies, coma o resto das limícolas, son xoias naturais que hai que conservar. O perigo que corren actualmente ven, coma sempre, da

man do home, pero aínda estamos a tempo de facer algo pola súa conservación.

 

1-Estado e conservación do alcaraván no P.N. de Corrubedo. -González Martínez, X.I.; Barros López, A.; Gallego Picard, S. -1995.

2-Polo Aparisi, M.; González Martínez, X.I.; García Romai, X. -2005.

NOTA DO AUTOR: O polo de alcaraván foi fotografado durante unha campaña de anelamento para o seu seguimento científico.

 

 

 

 

Contidos

Blogue

Natureza tv

Opinión

Reportaxe

Convidados

Espazos

Diversidade

Ligazóns