Mexillón de río

Incerto futuro

Foto: Xermán G. Romai

 


O mexillón ou perla do río (Margaritifera margaritifera), é un endemismo do norte peninsular, onde só se atopan poboacións residuais en certos ríos de A Coruña, Lugo, Pontevedra, Asturias e Zamora.


Xermán G. Romai.-N.D. O seu hábitat atópase nos tramos medios e superiores de ríos limpos e ven sombreados, sendo en Galiza os máis importantes o Miño, o Ulla e o Tambre. Nestes ríos pódense ver aínda mexillóns de río, pero en pequenas cantidades, e cun incerto futuro de conservación, pesando sobre a especie a ameaza da súa extinción definitiva.


"Esta especie, semellante ó mexillón pola súa cor e tamaño, está encadrada no grupo das náiades ou ameixas de auga doce"

Foto: Xermán G. Romai


Esta especie, semellante ó mexillón pola súa cor e tamaño, está encadrada no grupo das náiades ou ameixas de auga doce. A súa esperanza de vida en condicións normais está entre os 30 e os 130 anos, sendo cecais a máis lonxeva das especies faunísticas do noso País. Pero, desgrazadamente, as condicións normais para as perlas do río xa non son as mesmas que no século pasado, de aí que se agarde a extinción desta especie nun futuro próximo.


"A clave da súa supervivencia está en recupera-las condicións idóneas de habitabilidade"

Foto: Xermán G. Romai


A clave da súa supervivencia está en recupera-las condicións idóneas de habitabilidade nos tramos de río que aínda albergan esta especie, augas limpas e sombreadas, así coma hóspedes para as súas larvas, xa que o mexillón de río está a pasar por serios apuros.

A larva do mexillón precisa doutras especies animais para sobrevivir. O gloquidio, que así se chama esta larva, fíxase nas branquias ou na cola dos salmónidos (reo ou salmón) para efectuar a súa metamorfose. Este proceso, imprescindible no ciclo vital, dura entre 20 días e 9 meses. E hoxe, nos tramos de río onde sobrevive a margaritifera, xa non hai salmónidos.


"A construción de encoros nos cursos baixos dos ríos onde vive a perla do río, produciu unha barreira infranqueable"

 

Foto: Xermán G. Romai


A construción de encoros nos cursos baixos dos ríos onde vive a perla do río, produciu unha barreira infranqueable para os peixes que desovan nas zonas superiores. Peixes que, como os salmóns e os reos, precisan para completa-lo seu ciclo vital, da mesma calidade de auga que o mexillón. Razón pola que a perla do río perdeu o seu hospede natural.

 

 

 

 

 

Contidos

Blogue

Natureza tv

Opinión

Reportaxe

Convidados

Espazos

Diversidade

Ligazóns