Mazarico mouro

Un visitante nas brañas

Mazaricos mouros. Foto: Xermán G. Romai


Durante os últimos anos, o mazarico mouro era un ave que soñaban ver moitos ornitólogos nos campos galegos. As súas citas eran escasas e o seu nome evocaba exóticos lugares para o naturalista galego. Paraísos de lonxe, e á vez tan próximos para a ollada de aves, coma o norte de África ou Doñana e as mariñas do Guadalquivir.


 

Xermán G. Romai.-N.D. A comezos de decembro, no foro de ornitoloxía galego, comezou a espallarse a boa nova. Chegaban noticias dende a Frouxeira, Cecebre,o esteiro do Miño ou a Terra Chá (pico máximo de 38 ind.). As brañas e os humidais galegos tiñan un novo inquilino, o mazarico mouro. Semellaba unha invasión, e lembraba á chegada excepcional de garzas medianas nalgún inverno propicio.

¿Era un soño? Non, e así o comprobamos. Unha equipa de Natureza Dixit@l, que estaba fotografando anátidas no encoro de Cecebre durante o mes de marzal, levou a grata sorpresa.

Chegamos a unha zona de brañas ós pés do encoro e, mentres que descargábamos tódolos trebellos (trípodes, obxectivos, cámaras...), ollamos un pequeno grupo de ánsares á beira da auga. De súpeto, e coma quen pasaba por alí, unha estraña ave de cor negro é que ó lonxe semellaba un galo, apareceu na escea. Tardamos un intre en caer na conta do que estabamos a ver, era a primeira vez que tiñamos diante un mazarico mouro.


"comezaron a saír, primeiro un, logo dous, ate que ante nós chegamos a ter un grupo de cinco mazaricos"

Foto: Xermán G. Romai


Pero a nosa sorpresa non ía quedar aí, tras das silveiras próximas, comezaron a saír, primeiro un, logo dous, ate que ante nós chegamos a ter un grupo de cinco mazaricos, que, indiferentes ó que acontecía o seu carón, adicábanse a alimentarse.

Amosáronse tranquilos durante todo o tempo que estivemos observándoos, e só cando alguén se achegaba demasiado, botaban a voar e era este un voo moi curto, pousándose novamente a escasos metros. Polo que puidemos ver, é este un animal moi acostumado a presenza humana. Amosaba unha indiferenza clara ante o home, como a amosaba tamén, ante o escuro visitante, un paisano que cortaba herba sen prestar atención daquel grupo de mazaricos de grande tamaño que desfilaban diante del, collendo ras e sapos con grande facilidade.


En voo, e tamén ó lonxe semella negro, pero coma se pode ver na imaxe, apreciánse tóns verdes e violetas.

Foto: Xermán G. Romai


Alí, en Cecebre, puidemos comprobar como era e como se comportaba o mazarico mouro. Aínda que ó lonxe semellase negro era dunha cor parda, con brillos verdes e mourados que se apreciaban cando o sol lle daba nas costas. Movíase ós poucos, pero cunha firmeza e velocidade pasmosa, fundía o longo e groso peteiro no chan, collendo anfibios a esgalla.

O mazarico negro (coma tamén se lle chama), é a especie de distribución máis ampla, aínda que fragmentada, da familia Threskiormithiadae á que tamén pertencen especies coma o ibis ou o cullereiro. Nembargantes a súa presenza en Galiza foi sempre accidental (18 citas entre 1992 e 2002). A súa cría na Península Ibérica estaba restrinxida a tres lugares: as mariñas do Guadalquivir onde cría o 90% da poboación española, o delta de L´Ebre ou L´Albufera de Valencia.


"o mazarico mouro é unha especie moi sensible ós cambios hídricos nos lugares onde se establece e non dubida en mudar as súas colonias cando o medio lle é hostil"

 

Foto: Xermán G. Romai


De tódalas formas, o mazarico mouro é unha especie moi sensible ós cambios hídricos nos lugares onde se establece e non dubida en mudar as súas colonias cando o medio lle é hostil. Este ano foi, climaticamente falando, especial. Un anticiclón centrado nas illas británicas, mudou os ciclos de borrascas habituais no inverno peninsular. Isto propiciou que baixasen as precipitacións habituais no inverno. Para moitos esa é a explicación dos cambios de condutas migratorias nalgunhas aves coma é o caso do mazarico mouro, que si atendemos os seus costumes (SEO-MMA.- "Atlas de las aves reproductoras de España"), podería chegar a establecerse en novas colonias de cría se atopase as condicións precisas.

A esperanza queda e, ogallá fose certo... ¿pero non podería ser en Galiza ou en Asturias, onde tamén se estiveron ollando durante todo o inverno?

 

 

Mazarico mouro (Plegadis falcinellus)

 

 

 

Nome científico: Plegadis falcinellus.
Nomes galegos: Mazarico mouro, mazarico negro.
Español: Morito.
Catalá: Capó reial.
Euskera: Beltzarana.

 

FOTO: Xermán G. Romai

Ave de gran tamaño 55-65cm. Sexos iguais. Ó lonxe, ou en voo, semella negro pero é pardo con tonalidades violetas, verdes e mouradas. No inverno ten a cabeza e mailo pescozo apencados de branco. As patas son longas de cor parda e o peteiro e longo e curvo, moi semellante ó do mazarico pero moito máis groso

Aliméntase normalmente de moluscos, sambesugas, insectos, anfibios e pequenos peixes.Pódese atopar en zonas humidas como brañas próximas a ríos ou encoros, mariñas e praias.

Distribución

O mazarico mouro é un ave mediterranea por natureza, pero cunha grande distribución a nivel mundial. A súa area de cría exténdese dende o sur da Península Ibérica ate Asia. É ocasional en Galiza. As súas citas eran escasas ata este ano en que se veu en varios lugares coma Cecebre (C), Terra Chá(LU) ou A Frouxeira (C). Chegando nalgún lugar a sobrepasar os 30 individuos.

Curiosidades

Algún dos exemplares vistos durante o ano 2005 estaban anelados pola Estación Biolóxica de Doñana.

 

 

Contidos

Blogue

Natureza tv

Opinión

Reportaxe

Convidados

Espazos

Diversidade

Ligazóns