Problemas e oportunidades no Grove

Itsmo da Lanzada. Foto: Xermán G. Romai

 


A península do Grove posúe un porcentaxe alto de terreo protexido pola Rede Natura 2000, con hábitats protexidos e prioritarios, tanto no litoral coma en terra. Algo máis dun 20% dos 22 Km2 que comprende o municipio, están incluídos nesta figura de protección. O número de habitantes empadronados aproxímase aos 12.000, pero durante os meses de verán os turistas incrementan a poboación chegando mesmo a triplicala e cuatriplicala en momentos concretos. A poboación fixa e estacional convive nun espazo de alta calidade paisaxística, e preto dun conxunto de ecosistemas naturais que foron reducindo a súa superficie, ó longo dos anos, por unha explotación incontrolada dos recursos e unha ocupación do solo sen criterio de planeamento urbanístico. Pero, pese a todo, os espazos naturais que existen no Grove aínda conservan a súa esencia.

Estes ecosistemas diversos, e fermosos, difíciles de atopar en tan boas condicións, pero abundantes e xenerosos no Grove, foron incluídos, con lóxica, da Rede Natura 2000, unha figura de protección que busca a prevalencia da conservación dos hábitats e especies protexidas frente a usos do solo agresivos e esquilmadores dos ecosistemas.

A priori, a implantación da Rede Natura en superficie do municipio meco podería e debería de contar cuns aliados fundamentais, os sectores económicos e productivos. A economía do Grove susténtase sobre dous eixos fundamentais, o mar e o turismo. Dúas actividades que non só son compatibles, senón que mesmo precisan para asegurarse e manterse, da protección da paisaxe e do litoral, da calidade ambiental e da conservación dos ecosistemas protexidos. Non se pode entender que mentres o visitante prototípico do Grove valora deste lugar sobre todo a paisaxe e a natureza, existan persoas que traballan ou dependen do sector da hostalería e que, pola súa traxectoria pública, se acaban convertindo nos primeiros enemigos destes elementos da natureza e por tanto do sector que debían defender. Pero así sucede e, salvando algúns casos dignos e valentes, unha parte importante do sector da hostalería non entende de qué vive.

A xente do mar é, polo xeral, respectuosa co litoral, sobre todo coa zona concreta de onde extrae os seus recursos. A dependencia máis directa do medio, fai que estas persoas esixan sistemas que aseguren a calidade ambiental do medio que mantén a súa economía, e oponse con forza a calqueira medida que poida estragar estes recursos. Sen embargo está a suceder que o sector marisqueiro, buscando unha maior productividade, tamén está a destruir ecosistemas protexidos (pradeiras de seba) que consitúen as reservas de vida do mar. E por iso tamén presentan o mesmo modelo mental que se amosa no grupo de empresarios da hostalería: estar disposto a obter beneficios a calqueira coste.

A implantación da Rede Natura 2000, nunha ampla superficie do municipio do Grove chegou sen aviso e, por iso foi vista polos veciños coma unha imposición. En ningún momento plantexouse, por parte das administracións responsables, a necesidade de realizar unha laboura de información cidadá sobre as avantaxes de posuir unha certificación da calidade ambiental e natural como a que supón a Rede Natura 2000, nun concello de interese turístico e importancia marisqueira. Este rango de protección entrou en vigor por esixencia das directrices Comunitarias, sendo aprobado definitivamente en decembro de 2004. Sen embargo os prazos dados para a súa implantación, suficientemente amplos, non foron aproveitados para levar a cabo a sensibilización cidadá. Por iso a inclusión de terreos na Rede Natura, antes da súa aprobación definitiva, foi entendida por un sector dos habitantes do Grove como un freo arbitrario á expansión urbana que lles producíu desasosego e inconformidade. Como consecuencia, nunha parte da poboación do Grove había unha predisposición a expresar o seu malestar. E esta inconformidade foi aproveitada en distintos momentos por algunhas persoas que alzando a bandeira do desenvolvemento turístico, hostaleiro fundamentalmente, se erixiron en representantes dos veciños para demandar recortes na zona protexida e promover a súa urbanización.

A falla dun plan xeral de ordeación municipal que permitise compensar e mesmo facer beneficiarios ós veciños das derivación e externalidades resultantes de posuir un espazo protexido, foi empeorando as perspectivas de compatibilizar a conservación do espazo e un desenvolvemento económico harmónico e distributivo.
E con este panorama chegou o debate do Plan Xeral de Ordeación Urbana do Grove. Os seus promotores e redactores en vez de aproveitar a oportunidade de contar cun espacio protexido de alta calidade ambiental, paisaxística e natural, decidiron pasalo por riba, obvialo e mesmo recortarlle a superficie incluída na Rede Natura 2000 dunha forma aleatoria e ilegal. E toda a desconformidade que se fora xestando durante tódolos anos anteriores está agora estalando no debate en torno ó PXOM. Pois este plan intensifica e agudiza a desazón da xente, pois non dá solución, mediante plans de compensación, á perda de valor económico do solo, pero si fomenta a gran construcción con inxustizas fraglantes consistentes en recalificacións urbanísticas de certos terreos onde as grandes empresas da construcción da zona se beneficiarán a costa dos pequenos propietarios.
Con este panorama a xente intenta agarrase ó que pode para non perder o valor das súas terras. É entón cando xurden os avispados que intentan recoller o malestar para plantexar os seus grandes negocios.

E así un grupo de persoas auspiciadas económicamente polo Banco Pastor e o Grupo Nozar pretenden construir un campo de golf no Espazo Protexido do Istmo da Lanzada, na duna rampante situada na súa parte norte. Esta obra destruiría unha considerable superficie de hábitat protexido prioritario, concretamente o chamado “dunas grises”. Aproveitándose da devaluación urbanística do solo e buscando alianzas e amigos no poder político estes negociantes están a avanzar na consecución deste proxecto e, en principio, xa foron dando os seus primeiros pasos ó chegar a acordo coa Comunidade de Montes de San Vicente que ten a titularidade dunha parte destes terreos. O campo de golf iría acompañado dunha urbanización que sería a principal fonte de negocio.

Existe outro proxecto de campo de golf que outra iniciativa privada plantexa en terreos situados entre San Vicente do Grove e San Vicente do Mar, e tamén protexidos pola Rede Natura 2000. Aquí a propiedade do terreo está estructurada en minifundios e o malestar dos propietarios é moito máis patente, pois ven como as súas terras foron devaluadas ó estar incluídas na Rede Natura.
Con esta situación provocada pola a administración pública, o espazo protexido corre perigo e mentres tanto, os problemas da calidade ambiental das augas seguen sen solucionarse. Existen varios vertidos que emiten os seus residuos directamente ó mar, preto dos bancos marisqueiros, e en zonas tamén protexidas pola Rede Natura.

Cómpre explicar á xente do Grove que posuir unha paisaxe e unha natureza coma a súa é mellorar a calidade ambiental das augas fai do Grove un lugar privilexiado. Este feito hai que rentabilizalo e por iso é necesario que o Plan Xeral de Ordeación Urbana conte con medidas que, asegurando a conservación íntegra dos hábitats e da paisaxe do Espazo Protexido, estableza unha compensación para os veciños afectados que lles permita ser os principais beneficiarios das avantaxes que supón ter unha Rede Natura. Pois nunha zona de tanto interese turístico a paisaxe e a natureza ben conservada prestixia e beneficia máis que calqueira festa do marisco. Porque unha festa do marisco se pode facer en Alcobendas, pero Alcobendas non ten o mar do Grove, non ten un sistema dunar amplo e diverso como o Grove, non ten marisma, nin espazos como Con Negro, A Bodeira, A Lanzada, A Siradella... Esto é paisaxe e natureza, esto é o que hai que vender, pero sen estragar. Hoxe un porto deportivo ou un paseo marítimo haino en calqueira lugar con mar, pero a natureza do Grove non se atopa doadamente.

No Colectivo Ecoloxista do Salnés levamos 17 anos traballando para que facer entender, en lugares como o Grove. que se matamos a galiña dos ovos de oro non atoparemos un tesouro, senón que perderemos uns réditos permanentes e seguros. Porque a mellor arma contra a avaricia é a intelixencia.

Joaquín Rodríguez Pomares

 

 

 

 

Joaquín Rodríguez Pomares é Presidente do Colectivo Ecoloxista do Salnés.


 

 

Contidos

Blogue

Natureza tv

Opinión

Reportaxe

Convidados

Espazos

Diversidade

Ligazóns