Íñigo Pulgar Sañudo

 

 

 

Flora e vexetación do litoral galego

Pancratium maritimum. Foto: Xermán G. Romai

 

I-Areais costeiros


 

Íñigo Pulgar.-O litoral de Galicia atesoura unha extraordinaria importancia biolóxica e paisaxística. A súa ampla extensión, de aproximadamente 1.700Km, e as especiais condicións reinantes, contribúen a posibilita-la existencia de distintos ecosistemas, que dan acubillo a distintas especies adaptadas a vivir nesas singulares condicións ecolóxicas. Algo máis de un terzo deste territorio está ocupado polos complexos Praia-Duna.


Praias e dunas atópanse ben representadas en todo o planeta, nembargante, a maior parte das comunidades vexetais radicadas en Galiza poden considerarse únicas. Poucas son as que estenden a súa área de distribución ó longo das costas atlánticas e mediterráneas, se ben, o N de Portugal e o W do litoral asturiano gardan unha estreita relación cos territorios galegos veciños, formando parte das mesmas unidades bioxeográficas.

Sistemas Praia-Duna

Podemos distinguir dúas partes ben diferenciadas:
-PRAIA: zona en contacto, permanente ou non, coa auga do mar.
-DUNA EÓLICA: zona situada trala praia. Non está sometida á acción directa da auga mariña; o seu principal axente modelador é o vento.
Falaremos de “Sistemas Praia-Duna” coma un todo, pola frecuente asociación de ámbolos dous medios ó longo do perímetro costeiro.
A súa localización, xunto ó mar, e o substrato edáfico, a area, outorgan a estes sistemas características específicas.

A AREA é a matriz destes chans. O tamaño das partículas oscila entre 0´05 e 2mm (fracción granulométrica). Ten distintas orixes:


a) FLUVIAL: os ríos arrastran areas e outras partículas en suspensión. O atoparse coa masa de auga oceánica, esta frea o caudal transportado polo río, sedimentando as partículas carretadas.

b) EROSIÓN DA COSTA: A constante e ininterrompida acción da ondaxe e capaz de fura-las rochas máis duras da liña costeira. Os cantís van sendo minados, e os bloques situados na parte superior caen ó mar pola acción da gravidade, fragmentándose. A enorme enerxía, liberada desta zona de contacto, encárgase de desface-las rochas en bolos que continúan a ser erosionados ate converterse en area.


c) CUNCHAS E PARTES DURAS DE SERES VIVOS: distintos organismos animais e vexetais segregan cubertas de Carbonato Cálcico (Ca CO3). Unha vez mortos os seres vivos, estes restos, moi abondosos nos fondos próximos á costa, son erosionados ate alcanzar o tamaño característico da area.
O normal é que na composición deste horizonte areoso existan aportes procedentes dos tres tipos de vías.


Íñigo Pulgar Sañudo.

Profesor de botánica na Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela, autor de diversas guías de campo, como son as da flora do Parque Natural de Corrubedo e do Parque Natural do Xurés, editadas pola Consellería de Medio Ambiente.


"Falaremos de “Sistemas Praia-Duna” coma un todo, pola frecuente asociación de ámbolos dous medios ó longo do perímetro costeiro"

Foto: Xermán G. Romai


Na formación do sistema xogan un papel protagonista as MAREAS e o VENTO. A súa influencia é, nembargante, variable ó longo do sistema. É por isto, polo que a continuación establecemos unha división en zonas deste particular biótopo. En primeiro lugar procederemos a identifica-las correspondentes á PRAIA:

"Ammophila arenaria subsp australis emite largos rizomas rastreiros, en todas direccións, dos que saen raíces laterais"

Foto: Xermán G. Romai


ZONA SUBLITORAL: atópase sempre somerxida.


ZONA INTERMAREAL OU DE BATIDA: corresponde á franxa existente entre a preamar e a baixamar.


ZONA SUPRAMAREAL OU ESPALDÓN DE PRAIA: franxa situada entre o nivel medio das preamares e o lugar ate onde chegan as ondas nos temporais. O seu perfil é máis ou menos plano e a superficie está seca durante case todo o ano


"No litoral galego existen numerosas formacións dunares asociadas a praias"

Foto: Xermán G. Romai


A continuación sitúase o CORDON DUNAR; teremos en conta que a separación entre praia e duna non é perfecta. Na Zona Supramareal de algunhas praias é sinxelo observar, no verán, a presenza de depósitos de areas en disposición paralela á liña de marea. Son as chamadas BERMAS. Se poden considerar coma un proxecto de duna. Para que esta chegue a formarse, algo máis atrás, será precisa a presenza de plantas fanerógamas que, coas súas raíces, contribúan a fixa-lo chan. No litoral galego existen numerosas formacións dunares asociadas a praias; as mellor desenroladas son as que se atopan fora das rías, máis expostas á influenza das forzas configuradoras, vento e marea. A estrutura que as caracteriza é a seguinte:


DUNAS EMBRIONARIAS: situadas na zona supralitoral. Son moi planas, inestables e móbiles. Sobre elas deposítanse abondosos residuos de tipo orgánico (madeira, algas...) carretados polo mar durante os temporais.


DUNAS MÓBILES: atópanse libres da influencia das mareas e están modeladas polo vento. A espesura do substrato areoso é un factor limitante para o establecemento da vexetación. Considéranse distintos graos de desenrolo dentro do concepto duna móbil. Non existe un acordo nomenclatural entre diferentes investigadores; neste artigo faise referencia ó que normalmente aparece na literatura coas designacións Duna 1ª, Duna 2ª e Duna branca. Un factor común a todas elas é a mobilidade. A vexetación, que só cobre de forma parcial a superficie dunar, atópase especialmente ben adaptada a este movemento e se encarga de atenualo.


DUNA SEMIFIXA (=Duna 3ª =Duna Gris): O seu perfil é máis plano que o das dunas móbiles. A vexetación cobre case por completo a superficie dunar. Continúa existindo unha vexetación típica de áreas litorais, pero cun número maior de especies respecto dos sinuosos campos dunares máis próximos á liña de praia. As condicións ambientais melloran; a intensidade do vento diminúe, actuando as dunas máis próximas á liña de praia coma pantalla. A choiva lava as sales minerais e o cal contidos no chan. Isto facilita o establecemento de varias fitocénose. A humidificación da materia vexetal morta xoga un papel importantísimo na retención da auga da choiva e na edafoxénese posterior (trátase de chans moito máis fértiles que os anteriores).


DUNA FIXA: (=Duna Parda=Paleoduna): as areas que forman parte do substrato están fixadas pola vexetación. Atopamos abondoso humus en chans ben desenrolados. A flora presente, xa non é específica de substratos areosos litorais.


"Eryngium maritimum, coa súa raíz axonomorfa adéntrase varios metros, chegando en ocasións a alcanza-lo nivel freático"

Foto: Xermán G. Romai


Estratexias adaptativas da flora de praias e dunas

Praias e Dunas litorais, constitúen un medio moi adverso e selectivo para o desenrolo das plantas. Varias son as causas que dificultan o asentamento da vexetación. Entre elas destacamos a Mobilidade do chan; Aridez do chan; Elevada Temperatura do chan. Elevada concentración de sales minerais: especialmente CINa(cloruro sódico); Abrasión; Escaseza de nutrientes. Existe, nembargante, unha franxa na zona supramareal onde existe depósito de material de orixe orgánica (algas, madeiras, medusas...) que incrementan o contido en nitróxeno do chan; Excesiva radiación solar.

Baixo estas condicións limitantes, só foron capaces de prosperar as plantas XEROFITAS (adaptadas a ambientes secos) e ó tempo HALOFITAS (plantas propias de chans fisioloxicamente secos pola súa concentración excesiva de sales), é dicir, XEROHALOFITAS.


"Pancratium maritimum, moi común nas nosas costas, ten un grande bulbo soterrado a bastante profundidade e do que saen longas raíces carnosas"

Foto: Xermán G. Romai

 


Como este termo non serve para diferencia-la vexetación do sistema praia-duna da dun deserto, empregamos un termo máis específico baixo un clima non desértico. Lograron colonizar este medio grazas a toda unha serie de transformacións morfolóxicas e fisiolóxicas que as permitiu vencer simultaneamente as dificultades inherentes a este hábitat. Para isto seguiron distintos camiños evolutivos que en ocasións parecen contrapostos. Á resultante destas transformacións as chamamos “Estratexias Adaptativas”

"Outras especies teñen os seus depósitos localizados na parte aérea; tal é o caso de Sedum acre"

Foto: Xermán G. Romai


Un dos primeiros problemas plantexados na colonización das dunas é a subxección a un substrato móbil, inestable; para resolvelo as plantas deseñaron complexos sistemas de raíces, de tamaño esaxerado respecto ós seus parentes de chans máis evolucionados. Exemplo: Ammophila arenaria subsp australis emite largos rizomas rastreiros, en todas direccións, dos que saen raíces laterais. Forman así un enramado radicular que afirma o chan areoso. É un taxon importantísimo na fixación da duna, xa que incluso chega a formar pisos de raíces a medida que a duna gaña altura.

 

"Algúns cubríronse dun espeso manto piloso que diminúe a evapotranspiración da planta (créase unha cámara de ar que atrapa a humidade) Tal é o caso de Medicago marina"

 

Foto: Xermán G. Romai


O aparato radicular é tamén o encargado de absorbe-la auga e nutrientes. Nun medio tan escaso en ditos elementos, a competencia por eles limita o desenrolo da vexetación. Os escasos taxons presentes nun determinado área, tenden a aproveita-los recursos ó máximo. O conquiren mediante unha estratificación vertical das raíces (non existente na parte aérea); así, a Ammophila explotaría un nivel de profundidade medio, namentres que Eryngium maritimum, coa súa raíz axonomorfa adéntrase varios metros, chegando en ocasións a alcanza-lo nivel freático.

"Outros vexetais como Helichrysum picardii reducen a transpiración enrolando as súas follas"


Foto: Xermán G. Romai


Tamén en ocasións, a parte soterrada da planta emprégase coma órgano de reserva. En particular, algunhas especies empregan con este fin talos transformados en rizomas, tubérculos ou bulbos. Un representante deste último grupo como o seu nome científico indica, é a Composta de flores amarelas Aetheorrhiza bulbosa. Independentemente deste órgano almacenador de auga e substancias nutritivas, tamén posúe un aparello radicular ben desenrolado. Pancratium maritimum, moi común nas nosas costas, ten un grande bulbo soterrado a bastante profundidade e do que saen longas raíces carnosas.

"Outro recurso habitual é engrosar e aumenta-la compactación da cutícula e estratos cutinizados. Podemos observalo en Calystegia soldanella"

Foto: Xermán G. Romai


Outras especies teñen os seus depósitos localizados na parte aérea; tal é o caso de Sedum acre e Sedum album, que reteñen líquidos nas súas follas engrosadas. Estas dúas especies pertencentes á Familia Crasuláceas e outras plantas suculentas posúen tamén un metabolismo especial, denominado CAM (Crasulacean Acid Metabolism) que as fai ser moi eficientes no emprego da auga e tolerantes a salinidades moi elevadas. Entre outras cousas, caracterízanse por pecha-los estomas durante o día e abrilos pola noite. Conquiren así, reduci-la transpiración.

"Tamén Honkenya peploides guarnécese baixo unha grosa cutícula protectora e se suxeita a un substrato, moi móbil, por medio de eficaces talos soterrados"


Foto: Xermán G. Romai


O mesmo efecto conqueriron outros vexetais seguindo distintas vías evolutivas. Algúns cubríronse dun espeso manto piloso que diminúe a evapotranspiración da planta (créase unha cámara de ar que atrapa a humidade) Tal é o caso de Medicago marina.
Outros vexetais como Helichrysum picardii ou Polygonum maritimum reducen a transpiración enrolando as súas follas. O camiño seguido por Salsola kali que ten follas de sección semicircular e punzantes, a asemellan ás Cactáceas típicas dos desertos americanos. Unha adaptación frecuente nos xerófitos é a transformación das follas ou partes delas, en espiñas. Outro recurso habitual é engrosar e aumenta-la compactación da cutícula e estratos cutinizados. Podemos observalo en Calystegia soldanella. Esta adaptación ten tamén outra funcionalidade, como é protexerse contra os impactos dos graos de area arrastrados polo vento. Tamén Honkenya peploides guarnécese baixo unha grosa cutícula protectora e se suxeita a un substrato, moi móbil, por medio de eficaces talos soterrados.

"Othanthus maritimus recóbrese cunha pubescencia prateada que reflexa os raios"


 

Foto: Xermán G. Romai


As plantas tamén recorren a distintas estratexias para se protexer da excesiva radiación solar. Othanthus maritimus recóbrese cunha pubescencia prateada que reflexa os raios. Son moitas as plantas psamófilas que presentan cores branquecinos ou azulados (glauco) con idéntica funcionalidade: Glaucium flavum, Eryngium maritimum, Elytrigia juncea, etc...

"Son moitas as plantas psamófilas que presentan cores branquecinos ou azulados (glauco) con idéntica funcionalidade: Glaucium flavum"

Foto: Xermán G. Romai


Nas zonas do sistema praia-duna máis expostos á ondaxe ou á brisa mariña, as plantas, para resistir estas condicións, adoptan mecanismos especiais de absorción de auga (salinidade e aridez son procesos intimamente ligados). As plantas toman o líquido do chan, a traveso das raíces, mediante un proceso denominado “Osmosis Pasiva” que se realiza a favor dun gradiente de concentración. Para que os halófitos litorais podan levar a cabo este proceso, teñen que absorber cantidades elevadas de CINa, que é posteriormente asimilado polo xugo celular. Cando a concentración salina do xugo supera á do chan, a planta xa está en disposición de absorber auga.

 

 

Contidos

Blogue

Natureza tv

Opinión

Reportaxe

Convidados

Espazos

Diversidade

Ligazóns