Branta bernicla

Dende Rusia con amor

Foto: Marcos Caruncho

 


Cando a URSS era unha potencia, existiu un muro que dividía Europa e o Mundo. Esta barreira militar, cultural e social, concretada no seu aspecto máis dramático no Muro de Berlín, coñecíase coma Cortiña de Aceiro.


 

Marcos Caruncho.-N.D. Por sorte ese muro nunca impediu un fluxo migratorio vello coma o estadio climático actual ó que deberíamos chamar interglaciar (excepción feita, claro, da abafante crise atmosférica global na que vivimos).

Nin sequera o noso españolísimo, raquítico e particular muro da vergoña chamado autarquía franquista, tan alonxado das películas de Bond, James Bond (outro dos terribles produtos da Guerra Fría), puido evitar que os viaxeiros do ar invernaran nas nosas costas.

Entre eses visitantes, figuraba o Ganso carinegro (Branta bernicla). Nun primeiro intre, podería pensarse nun caso de espionaxe, xa que o Ganso carinegro non é exactamente un ganso (xénero Anser) senón unha barnacla (xénero Branta). Por sorte iso pasaba desapercibido ate para as mellores mentes do réxime adicadas a outras tarefas…

 


"A Branta bernicla é case que do tamaño dun Alavanco, só un pouco maior, aínda que moito máis robusto e pesado coma ilustra a foto".

 

Foto: Marcos Caruncho


No ano 1961 FOURNIER cita 36 exemplares en dous grupos de 30 (Ribadeo) e de media ducia (Ortigueira) respectivamente (PENAS PATIÑO, 1991). Das citas dos 70 e 80 dedúcese unha presenza de exemplares soltos ou en parellas ó longo das costas galegas e sempre de invernada.

Ata os primeiros 90 non se volta citar outros grupos de certa consistencia numérica con ducia e media de exemplares en Ortigueira (CARUNCHO, GARCIA &VIDAL, 1993) formando grupo migratorio fortemente preto.Eses datos concordan cá crise poboacional que sufriron estes gansos debido a unha regresión da súa planta nutricia, Zostera sp., (e non con calquera cambio debido á Perestroika ou á caída do Muro de Berlín).

En datas recentes tivemos a oportunidade de rexistrar graficamente a presenza dun Ganso cabecinegro (Branta bernicla) na área de O Grove.

O seu menor tamaño diferénciao inmediatamente dos gansos grandes máis comúns (Anser anser e Anser fabalis) e dos máis raros (Anser albifrons), xa que a Branta bernicla é case que do tamaño dun Alavanco, só un pouco maior, aínda que moito máis robusto e pesado coma ilustra a foto.


"Eses datos concordan cá crise poboacional que sufriron estes gansos debido a unha regresión da súa planta nutricia, Zostera sp."

Foto: Marcos Caruncho


A cor escura, particularmente na faciana, a fai moi diferente da súa curmán a Branta leucopsis, ou Ganso sangano. Realmente é outra barnacla, aínda máis rara na Galicia que a nosa bernicla pero xa citada nos primeiros cincuenta por IGLESIAS (PENAS PATIÑO, 1991) facendo referencia a avistamentos de 1918 e 1919.
Amosa todos os rasgos arquetípicos da especie Branta bernicla que xa vimos nas comparativas, particularmente a popa moi grande e branca e a faciana moura.

Seu estado vital é adulto xa que non amosa as barras dorsais brancas propias do primeiro inverno e exemplares inmaturos. Adicionalmente, podemos observar o estado definitivo no colar do pescozo que xa non é un fino anel continuo senón unha mancha na parte frontal usada frecuentemente nas relación sociais do grupo como comportamento e marca xerárquica.

Existen tres subespecies ou razas definidas dentro da especie Branta bernicla. Destas 3 razas suponse que só as europeas están citadas na Galicia, aínda que non coidemos conquerir información engadida á cita específica, non sabendo se antes de agora foi identificada a raza concreta.

A primeira é a do Norte de América (nigricans) cuxa cor xeral, aínda moito máis escura que no arquetipo específico pero con flanco branco, nos fai desbotar de inmediato para o noso exemplar.

A segunda é a de Groenlandia (brota) a máis clara das tres e que podería axustarse á observación nunca primeira ollada.

A terceira é a de Rusia (bernicla), a máis arquetípica da especie pola tonalidade e, moi probablemente, polo continxente.


"Nunha observación detallada atopamos os seguintes rasgos que nos permiten identificala"

 

Foto: Marcos Caruncho


Nunha observación detallada atopamos os seguintes rasgos que nos permiten identificala coma unha Branta bernicla bernicla e non coma pertencente á raza brota.

A) Coloración xeral da zoa pectoral, pre-ventral e flancos netamente máis escura (non sempre obvio ou moi suxeito ás condicións lumínicas).

B) Coloración da zona entre a panza e a popa máis escuro (non sempre obvio ou moi suxeito a condicións coma manchas de lama).

C) Franxa do pescozo maior e máis conspicua con 3 ramais ben definidos, mentres que a raza brota amosa 2 ramais menos definidos e conspicuos.

Quizais que sexa fiar moi fino, pero parece que eses tres factores reseñados no texto e na foto nos levan á identificación do exemplar fotografado en O Grove a primeiros do marzal do 2005 coma pertencente á Branta bernicla bernicla, posiblemente chegada dende Rusia hasta Galicia.

O noso inmigrante do leste pertence, en calquera caso, a unha raza que, sen máis credo que Vida, Realidade e Natureza, só suxeita ás leis da Física, nos visita regularmente dende tempos pretéritos; quizais porque sinte, aparte da fame inmemorial, que é tan rusa como galega nun único Mundo ligado a un destino común, onde as fronteiras son só e na realidade, barreiras para a imaxinación.

Ogallá que entre o fuel do PRESTIGE, o cemento do plan ese que din que teñen e que lle chaman “plangalicia” e o verquido noso de cada día non levemos a máis deterioro á nosa principal fonte de riqueza real.

Agardaremos pendentes de que o ano que ven outros exemplares podan chegar dende o NE máis extremo de Europa, dende os fríos do Círculo Polar, dende Rusia ou calquera outro lugar do Planeta ate as nosas amadas rías a pasar entre nos, con amor e consciencia, os rigores do inverno.


REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS:
-CARUNCHO, M., P. GARCIA & A. VIDAL (1993). Rarezas orníticas na Provincia da Coruña. Accesit Audiovisual - Tema Natureza. Casa das Ciencias.
-MULLARNEY & col. (2001). Guía de Aves de Europa– Ed. OMEGA.
-PENAS PATIÑO & outros (1991). Guía das Aves de Galicia– Ed. BAHÍA. 360 pp.
-PETERSON & col. (1989). Guía de Aves de Europa– Ed. OMEGA.

 

 

 

 

Contidos

Blogue

Natureza tv

Opinión

Reportaxe

Convidados

Espazos

Diversidade

Ligazóns