
Serpes e cóbregas na Galiza
O temor sen fundamento

Cobra de colar. Foto: Xermán G. Romai
Fermosas e feiticeiras para uns poucos, animais inmundos e malignos para moitos, as serpes forman parte do ecosistema galego dende antes da aparición do home.
Xermán G. Romai.-N.D. No campo galego vénse ós réptiles coma inimigos naturais do labrego. O descoñecemento e o medo leva a que a aparición nunha casa ou na leira dunha cóbrega ou víbora remate normalmente coa morte desta partida por un certeiro golpe de sacho.
En numerosas ocasións se me achegou algunha persoa que me traía inofensivas cobras de colar ( Natrix natrix ) ou cobras lagarteiras ( Coronella girondica ) coa intención de asegurarse que cazaran unha temible víbora, pero tampouco é raro o caso contrario. Fai pouco tempo un amigo, coñecedor da miña afición á fotografía da natureza, tróuxome un bo exemplar de víbora de Seoane ( Vipera seoanei ) totalmente melánico (de cor negra) co que xogou nas súas mans coidando que se trataba dunha inofensiva cóbrega. Case que morre do susto o home cando lle contei que era unha perigosa víbora.
|
"un amigo, coñecedor da miña afición á fotografía da natureza, tróuxome un bo exemplar de víbora de Seoane totalmente melánico " Víbora de Seoane. Foto: Xermán G. Romai |
![]() |
Para esta especie e moi común o melanismo, que consiste nun escurecemento da pel (ate un 30% dos exemplares), pero conservando os seus rasgos distintivos.
A cabeza das víboras é de forma triangular, os ollos sobresaen da cabeza, marcando ben a cella, e a pupila, ó tratarse de animais nocturnos, é vertical. Tamén as víboras de Seoane teñen a punta do rabo de cor marelo por baixo (entre a cloaca e a cola). Nas víboras que non presentan melanismo, aparecen outros rasgos descritivos como unha figura en forma de V na parte superior da cabeza e unhas marcas zigzagueantes polo lombo.
A víbora de Seoane é o único dos réptiles perigosos para o home que podemos atopar nas rías baixas, nembargante, en Galiza existe outra especie moito máis perigosa que só aparece nas montañas de Ourense, trátase da víbora fuciñuda ( Vipera latastei ). De todas formas é moi difícil que unha víbora chegue a trabar a un ser humano, só cando se senten atacadas ou cando se pisan morden en nós, o habitual é que fuxan na presenza do home (lembremos ó amigo que xogou durante horas cun exemplar de víbora crendo que se trataba dunha inofensiva cóbrega). De tódolos xeitos, aínda que aconteza o fatal encontro e a víbora trabe en nós, son raras as ocasións nas que pasa de molestias a súa mordida.
![]() |
"as cóbregas adoptan comportamentos e formas semellantes ás víboras para protexerse" Cobra viperina. Foto: Xermán G. Romai |
A presenza de víboras non é o máis habitual preto de lugares habitados. Normalmente son as cóbregas ou os esgonzos quen morre a mans do home grazas o seu descoñecemento e o seu medo ancestral. As cobras ou cóbregas é o que en castelán se coñece por “culebras”, réptiles coa pupila e a cabeza redondeadas, polo xeral inofensivos, pero que adoptan comportamentos e formas semellantes ás víboras para protexerse (o que leva á confusión e á morte destas). Namentres que os esgonzos e os escánceres son en realidade semellantes ás lagartixas, pero cunhas patas atrofiadas ou ocultas pola pel.
|
"os esgonzos e os escánceres son en realidade semellantes ás lagartixas, pero cunhas patas atrofiadas ou ocultas pola pel"
Escancer común. Foto: Xermán G. Romai |
|
A cobra de colar ( Natrix natrix ) ou a cobra viperina ( Natrix maura ) son as máis habituais preto de masas de auga. Así as podemos atopar en pozas, regatos, ríos e incluso nadando no mar. Aliméntase polo xeral de anfibios, pequenos mamíferos ou algún minúsculo peixe, que matan por asfixia tras introducilos na boca. Para defenderse de un posible inimigo adoptan varias estratexias. Unha delas é a de imitar o comportamento dunha serpe perigosa que vai atacar. Para isto, ergue o seu corpo do chan, e disloca a mandíbula dándolle á cabeza a forma triangular da víbora. Se isto non funciona golpean coa cabeza o corpo do seu atacante, simulando unha letal trabada. Pero non queda aí a cousa, para inimigos teimudos empregan outras dúas técnicas disuasorias. A primeira delas é segregar un líquido cheirento e viscoso no caso de seren mordidas ou agarradas, algo que debe indicar que non é bo comestible. Xa coma derradeira alternativa adoptan o papel de facerse o morto, enrolándose en si mesmas e abrindo a boca sen mover un só músculo do corpo.
![]() |
"A víbora de Seoane é o único dos réptiles perigosos para o home que podemos atopar nas rías baixas" Vívora de Seoane. Foto: Xermán G. Romai |
BIBLIOGRAFÍA: Anfibios e réptiles de Galicia, Ed. Xerais (1993), Galán Regalado,P. & Fernández Arias, G.
NOTA DO AUTOR: Tódalas cóbregas e serpes fotografadas foron devoltas en perfecto estado ó seu medio natural.