Terra Chá, Vacas ou Koalas

Terra Chá. Foto: Xermán G. Romai

 


A Terra Chá é unha comarca natural do interior da provincia de Lugo, caracterizada por unha extensa chaira delimitada por pequenas serras. O río Miño e os seus principais afluentes vertebran a fisonomía chairega, e xunto os pastizais e pequenas carballeiras forman un mosaico natural de gran fermosura e valor ecolóxico.

As singulares características xeomorfolóxicas desta zona, solos pouco permeables e orografía chá, orixinan un entramado de veigas, brañas e pequenos asolagamentos de carácter estacional. Nas últimas décadas estes ecosistemas foron altamente degradados por mor das inútiles desecacións dos anos 50,que pretenderon transformar en cultivos agrícolas zonas improdutivas.Incriblemente este proceso de degradación continúa na actualidade coa proliferación de cultivos forestais de especies alóctonas (piñeiros e eucaliptos), concentracións parcelarias, intensificación agrícola, explotacións mineiras…etc; na maior parte das ocasións co aporte financeiro da CEE; a mesma que promove a conservación prioritaria destes hábitats, o cal é un contrasentido. Todas estas actuacións lévanse a cabo nos Hábitats Prioritarios para la Conservación segundo a Directiva 92/43 CEE (Directiva Hábitat) localizados na Reserva da Biosfera Terras do Miño, que desta maneira tanta protección queda só nun mero título, pura propaganda. O Hábitat máis afectado é o das “Uceiras húmidas atlánticas de zonas mornas de Erica ciliaris e Erica tetralix”, é dicir as brañas e toxeiras características da paisaxe galega. Estas zonas están a ser roturadas e repoboadas con eucalipto e piñeiro causando a desaparición irreversible de especies de fauna e flora protexidas. Os casos máis preocupantes son:


- Avefría Vanellus vanellus. A colonia de cría da zona desapareceu no ano 2004, coa agravante de que era unha das dúas que aínda quedaban en Galicia. No seu lugar temos Eucaliptos.


- Mazarico real Numenius arquata.As tres últimas parellas nidificantes da Península Ibérica crían na Terra Chá. Dous territorios a día de hoxe están a ser transformados de braña a eucaliptal, polo que o futuro da especie é incerto.


- Tartaraña cincenta Circus pygargus. A poboación chairega experimentou un forte declive nos últimos anos, como exemplo,unha colonia de cría próxima á Lagoa de Cospeito pasou de catro parellas no ano 2000 a tan só unha en catro anos. Unha vez máis a causa foi a transformación do seu hábitat para a repoboación con Eucaliptos.


- Pinguicula lusitanica. Planta carnívora moi escasa na Terra Chá coma no resto da Península Ibérica. Unha poboación da Veiga do Toiral (Cospeito), foi literalmente arrasada, coa roturación dunha braña para plantar, como non Eucaliptos.


- Orchis coriophora. Orquídea con tan só dúas poboacións coñecidas na Terra Chá, unha delas foi aniquilada e no seu lugar ¿que temos? Eucaliptos.

Toda a protección da que goza a comarca chairega non parece ser efectiva, a Administración competente tería que tomar medidas urxentes para frear esta perda de biodiversidade, nalgúns casos o dano xa é irreparable.

Gus Lamas & Javier Usera


Gustavo Lamas e Javier Usera, son naturalistas e membros do colectivo Numenius de Lugo.

 

 

 

 

 

Contidos

Blogue

Natureza tv

Opinión

Reportaxe

Convidados

Espazos

Diversidade

Ligazóns