Narcissus rupicola Dufour., o narciso das rochas

O Narcissus rupicola Dufour. ou narciso das rochas é coñecido na Galiza dende que na década dos sesenta do pasado século (1965), o Padre Manuel Laínz citouno por primeira vez a un e outro lado da raia galego-portuguesa, na Serra do Xurés. A pesares diso, e de que se coñeza dende mediados da primeira década deste século XXI (Pino et al. 2005), outra poboación no Macizo de Pena Trevinca, ou de que figure na excelente Guía da Flora do Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés (Xunta de Galicia, 2003), do meu amigo o profesor de Botánica Íñigo Pulgar, é unha especie que pasa desapercibida na nosa terra. Isto acontece polas súas dúas únicas e escasas poboacións coñecidas, afastadas entre si, e situadas en lugares pouco poboados; polo seu pequeno tamaño e, non ser, nin sequera nos lugares onde aparece, a especie máis abondosa do xénero Narcissus.

Logo das orquídeas, teño un grande interese en outras familias e xéneros botánicos, como é o caso da familia Amaryllidaceae (Amarilidáceas) e especificamente do xénero Narcissus (Narcisos). Hai varias especies espalladas en maior ou menor medida pola nosa xeografía, coñecidas e fotografadas por min, pero este narciso presenta unha floración moi curta no tempo e aparece en lugares afastados de Compostela, a miña cidade de residencia. Precisaba procurar tempo libre e decidirme a visitar, ou ben a Rede Natura de Pena Trevinca ou o límite entre o Parque Natural da Baixa Limia -Serra do Xurés e o Parque Nacional da Peneda – Gerês, durante os primeiros días do mes de abril, o período de floración deste fermoso narciso. Decidinme pois, fai escasos anos. E decidinme por me achegar á vertente vianesa do Macizo da Pena Trevinca, onde nas parede pulidas de rocha granítica, estaba citada xa a especie.

Hai varios xeitos de chegar á parroquia de Pradorramisquedo, que aínda que pertencente ao concello de Viana do Bolo, atópase entre os concellos de Pías e Porto, da comarca zamorana de Sanabria que, na súa parte coñecida como Alta Sanabria, o galego segue a ser empregado a cotío, sendo a lingua vehicular da poboación. O xeito máis rápido para chegar ao lugar para alguén que veña dende o outro curruncho do país é, saíndo da autovía das Rías Baixas (A52) na Mezquita e collendo a estrada que conduce de Vilavella a Porto de Sanabria. Logo de internarnos en terras zamoranas polo concello de Pías, e xa pasado o poboado da central eléctrica de San Sebastián (xa novamente na Galiza administrativa) e varios bosques de cerquiños (Quercus pyrenaica Willd. ), atopamos, ao pé do macizo granítico e á beira do río Bibei, o pobo de Pradorramisquedo onde, nas súas proximidades e, sobre as súas moles graníticas podemos achar esta pequena planta.

Áchase Pradorramisquedo a unha altitude próxima aos 1.000m.s.n.m. , rodeado das penas do Macizo de Trevinca por un lado, polo río Bibei por outro e, polas alturas, a carón da estrada que sube serpeando cara Porto, outra mole, desta vez non de granito senón de cemento, trátase do encoro de San Sebastián, un xigante que si un día cedese, como aconteceu con outro preto do lugar, levaría as ducias de casas do pobo vianés por diante, xa que estas atópanse baixo o seu nivel. Asemade, aínda estando o lugar no espazo incluído na Rede Natura  correspondente a Pena Trevinca, e lindeiro co “Parque Natural del Lago de Sanabria y alrededores” (xestionado por Castela e León) posúe unha canteira de granito, localizada a carón do pobo e do propio río Bibei. Aló, tanto na canteira como nas súas proximidades, aproveitando as fendas e os poucos asentamentos con terra nas superficies pulidas da rocha (chans esqueléticos), aparece o narciso das rochas.

O xénero Narcissus caracterízase pola presenza nas súas flores de tépalos, que é a denominación daquelas partes da flor, que ao non haber diferenzas apreciables entre si, non poden chamarse pétalos ou sépalos (non hai cáliz e corola diferenciables nestas plantas); e que contan tamén, entre os tépalos e os estames cuns apéndices pechados de xeito circular, que pola súa feitura foilles dado o nome de coroas, existentes e tamén característicos nos narcisos. No caso do narciso das rochas, a súa coroa pode apreciarse a simple vista moito máis curta que os tépalos, caso que só se da noutro narciso no país, o Narcissus tazetta L., especie que aparece na costa galega e que ten varias flores por escapo. O Narcissus rupicola só ten unha flor por escapo agás nalgúns exemplares de Trevinca, que polo azar da xenética presentan dúas flores por escapo, polo que non procuraría, eu polo menos, nesta característica física dalgúns individuos, descoñecida para a especie, unha nova variedade.

Das diversas especies de narciso que podemos atopar na Galiza, tres delas atópanse catalogadas pola súa escaseza e/ou área restrinxida de ocupación, sendo todas endemismos, ben ibéricos, ben do noroeste peninsular. Así pois, Narcissus asturiensis (Jordan) Pugsley, Narcissus cyclamineus D.C. ou Narcissus pseudonarcissus L. subsp. nobilis (Haw.) A.Fernández ; aparecen no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de “Vulnerables”. Pero este catálogo, como figura que en teoría trata de protexer ás especies en perigo de desaparición, esquece ao narciso galego máis escaso e polo tanto máis ameazado, o Narcissus rupicola Dufour, o narciso das rochas. Podería pensarse que non figura na lista das especies a protexer porqué é unha especie abondosa en outras xeografías, e a Galiza sería o seu límite de distribución. Mais, si é ben certo o segundo punto, o referido á súa distribución, o primeiro suposto é errado. O narciso das rochas é unha especie endémica do centro da Península Ibérica, que só aparece, de xeito descontinuo e non abondoso, en serras de compoñente granítica, a certa altitude (1.000-1.500m.s.n.m.).

Seguindo os criterios da IUCN, organización internacional que vela pola conservación da biodiversidade mundial, a especie debera estar protexida na categoría de vulnerable a nivel local, dada a súa escasa distribución, número de exemplares e illamento entre si das diferentes poboacións. Criterios estes que pasaron sempre desapercibidos para as autoridades galegas competentes na materia, que na única actualización do Catálogo Galego de Especies Ameazadas (2011) só incorporaron unha única especie vexetal na categoría de vulnerable, o Quercus lusitanica Lam., e tan só a poboación coñecida do Monte Pindo (enténdese que se fai por si aparecesen outras nalgures), deixando en suspenso a posible incorporación de especies que, coma o narciso das rochas, fosen merecedoras da súa protección, ou cando menos, da súa incorporación a este escaso catálogo oficial cuxa presenza nel, non é garante de protección ningunha, como estamos a ver en demasiados casos.

Temos claro que non será nun futuro próximo cando outras especies como este narciso entren no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, polo que agardamos que aparezan nos vindeiros anos novas poboacións desta escasa especie vexetal, ou cando menos, que os escasos individuos que aparecen no país, manteñan a súa presenza neses dous lugares tan afastados. É posible que a poboación galego-portuguesa do Xurés-Gerês se manteña, ao estar situada nun lugar afastado e protexido entre Ourense e Tras-Os-Montes, con un Parque Natural dun lado e o único Parque Nacional de Portugal do outro, pero circunstancias como os incendios forestais, e a súa alta incidencia na zona, poden poñer en perigo a súa supervivencia. Xa na poboación da que falamos hoxe, a de Pena Trevinca, non só os incendios forestais, senón a propia canteira de granito, fan perigar estas pequenas e fermosas plantas, as máis descoñecidas dos narcisos galegos.

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.