Unha esperanza para a píllara das dunas

A finais dos anos oitenta e principios dos noventa, unha pequena limícola estaba a piques de desaparecer como reprodutora das nosas costas, sendo Galiza o único lugar de cría do noroeste peninsular. Tratábase da protagonista da anotación de hoxe, a píllara das dunas ou píllara papuda (Charadrius alexandrinus). A pesares de estar incluída no “Catálogo Galego de Especies Ameazadas” na categoría de “vulnerable”, na actualidade a poboación reprodutora desta especie está aumentando paseniñamente, grazas entre outras cousas, a plans de seguimento e protección dos seus niños, e comeza a ocupar outras zonas de cría, como puidemos comprobar neste ano 2011, onde nos sorprendeu un intento de cría nunhas instalacións portuarias.

A píllara das dunas é unha especie adaptada á vida nas praias e zonas dunares, que consegue o seu alimento de macroinvertebrados que pode cazar seguindo a liña da marea, como a maior parte das limícolas. O seu ciclo vital complétase, sobor de todo, nos meses estivais que é cando nacen os seus poliños nas praias galegas. Un momento e un lugar pouco axeitados para a súa supervivencia, xa que entra en conflito con outro habitante estival das praias, o ser humano.

Costumes que en principio pódennos parecer “inocuas” para o medio, como toma-lo sol nunha praia ou solta-los cans dando un paseo, son realmente agresivas para especies como a píllara das dunas, especialmente no momento que trata de sacar adiante unha niñada. A píllara adoita poñer os seus ovos nunha pequena cunca, escavada directamente na area, e que, xunto coa cor mimética dos seus ovos, pasa inadvertida a calquera camiñante. Mesmamente, tamén os seus polos son nidífugos (abandonan o niño no intre de nacer), polo que atópanse indefensos ante o ataque de calquera animal. Isto, xunto coa perda de calor (tanto dos ovos como dos polos) si son abandonados longo tempo polos seus pais, provoca a perda de moitas postas e a morte de moitos poliños. Ante estes problemas a píllara das dunas só ten dous mecanismos de defensa, a camuflaxe dos seus niños e das súas crías (que permanecen quedas no chan ante un perigo) e o tratar de chamar a atención do depredador para afastalo do niño, facéndose os pais os feridos (arrastrando unha ala ou todo o corpo polo chan) e piando fortemente para que os sigamos.

Pero estas “armas defensivas” non son suficientes para conseguir o efecto desexado. Na maior parte das ocasións, os bañistas non lles prestan atención a esas pequenas aves desesperadas, ou os cans atrapan á píllara que trata de afastalos dos seus polos. Esas foron realmente as causas que provocaron a desaparición case total da píllara das dunas como reprodutora nas nosas costas, pero… a que se debe a súa reaparición? Principalmente ó acoutamento de areas de cría ou directamente dos seus niños, mediante sinalización e outros sistemas, como gaiolas que permiten a entrada ou saída das píllaras pero non dos seus depredadores, e sobre todo, o respecto pola maior parte de bañistas e propietarios de cans dunhas mínimas normas de convivencia con estas pequenas aves ó seren informados da súa existencia no lugar.

Durante o mes de abril, puiden comprobar, xunto con Antonio Parada Mariño, como ademais dun aumento das postas en lugares como a praia da Tasca (Aguiño), unha parella tentaba criar nun lugar pouco común, un descampado asfaltado dentro das instalacións portuarias de Aguiño, no Concello de Ribeira. Durante varios días puidemos ollar como unha parella de píllaras das dunas permanecían no solar (anexo á lonxa), e incluso chegaron a facer unha cunca para depositar os seus ovos. Este intento por parte das píllaras non chegou a saír adiante por mor dunha verbena que se celebrou no lugar neses días, pero foi interesante comprobar como unha parella desta especie trataba de aclimatarse a un lugar tan inesperado como este e que puido converterse  nun novo espazo e unha nova esperanza para a cría da píllara das dunas.

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.