As últimas Omphalodes littoralis do Barbanza

Fai case que vinte anos, cando se declarou o Complexo Dunar de Corrubedo Parque Natural, a Xunta editou varias publicacións, entre as que se encontraba unha fermosa lámina que, seguindo un deseño de mapa antigo, ilustraba as especies emblemáticas que se podían atopar neste espazo natural protexido. Unha destas especies chamábame a atención, case tanto como alentaba a miña curiosidade, pero durante algúns anos non fun quen de localizala neste lugar, a pesar de coñecelo moi ben. Tratábase da Omphalodes littoralis, unha pequena planta dunar, endémica da costa coruñesa.

Foi uns poucos anos despois, cando  un gran amigo e naturalista, Santiago Gallego Picard, localizou esta planta nunhas dunas das proximidades da Lagoa de San Pedro, no veciño Concello de Porto do Son. Dunas que, como el mesmo me ensinou, atopábanse entón en grave perigo de desaparecer, pola extracción furtiva de area. Pasou o tempo, e nunca din localizado esta planta no Parque Natural de Corrubedo, onde a busquei sen éxito ningún, pero anticipándome ó rápido período vexetativo da mesma, este ano quixen probar sorte.

No pasado mes de abril, logo de buscar pola zona da Lagoa de San Pedro, onde Santi a atopara máis de dez anos atrás, nunhas pequenas dunas que evidenciaban a vella avaricia de pequenos construtores locais, que levaron a area e con ela o substrato e as sementes de moitas especies, fun a atopa-la Omphalodes littoralis casualmente no lado contrario da lagoa. Nunha pequena duna vexetada, e só nesta. Na súa vertente leste, aparecían centos de exemplares (moitos máis dos que ollara nunca) desta escasa planta dunar.

A Omphalodes littoralis, especificamente a súa subespecie gallaecica, é un endemismo do litoral atlántico da Provincia da Coruña, catalogado “En perigo de extinción” no “Catálogo Galego de Especies Ameazadas” e “En perigo” no “Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España”. Existen poboacións con relativa “boa saúde” ó norte de Ferrol e na Costa da Morte, pero como puiden comprobar nos últimos anos, case se deu por extinguida na Comarca do Barbanza, sendo esta pequena poboación de San Pedro de Muro (Porto do Son), a última que queda, logo de desaparecer en outros lugares como Corrubedo ou Palmeira.

Este ano, puiden comprobar como neste último enclave barbanzán da Omphalodes, a protección era escasa, por non dicir inexistente. Bañistas que aproveitaban o asentamento das plantas para protexerse do vento ou ciclistas e peóns que atravesaban as dunas vexetadas para chegar á praia. Todo iso podía ollarse nun lugar que debera estar acoutado fai moito tempo, para protexer a estas plantas dunares en perigo de extinción, e máis tendo en conta que, na actualidade, este lugar está incluido no L.I.C. de Corrubedo. A pesares de todo isto, no 2011, a floración da Omphalodes littoralis en San Pedro de Muro foi esperanzadora. Unhas 500 plantas puideron completa-lo seu ciclo vital, asegurando un ano máis desta especie no lugar. Pero non debemos durmirnos, logo de que nos últimos anos desapareceran importantes poboacións pola acción humana (Corrubedo, Palmeira ou no mesmo San Pedro de Muro), é preciso tomar medidas de urxencia para evita-la extinción desta planta no Barbanza.

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.