A orquídea xigante (Barlia robertiana), entre a esperanza e a extinción

Non é frecuente a descuberta nestas terras dunha nova especie, e menos, cando a descuberta vén dende fora da comunidade científica, como é o caso. Aínda poderíamos dicir que a casualidade está detrás do achádego, pero sería enganarnos a nós mesmos, xa que a constancia de dous humildes fotógrafos de natureza deu os seus froitos, na aparición no Parque Natural de Corrubedo dunha orquídea da que non se tiña noticia na Galiza dende que Baltasar Merino (máis coñecido como Padre Merino) a citara no pobo de Noceda (Os  Ancares) en 1909. Trátase da orquídea xigante ou, como é coñecida polo seu nome científico, da Barlia robertiana.

No pasado mes de xaneiro, o amigo e fotógrafo Tucho Parada e máis eu, atopabámonos fotografando aves mariñas na beira do Parque Natural de Corrubedo, no lugar da Graña (Aguiño), cando ó volver cara o coche, chamounos a atención, ó lonxe, o aspecto inconfundible dunha orquídea florida sobre unha duna gris (duna estabilizada pola vexetación). Non foi que no primeiro intre, nos decataramos da súa presenza, mais ben, pasou desapercibida. Foi como unha fugaz e lene visión dunha espiga de flores rosadas, asociada no ollar inconsciente do naturalista, ó común satirión corpudo (Dactylorhiza elata), pero na que tamén, o propio inconsciente detectou un erro e fíxose unha pregunta: “un satirión corpudo florido en xaneiro?”. A curiosidade polo fenómeno anormal (as orquídeas florecen na Galiza entre a primavera e o outono) fixo que abandonáramos as proximidades do coche e nos dirixísemos, xa coas últimas luces do día, cara a duna gris onde, nun primeiro intre, nos decataramos, aínda sen saber a transcendencia do achádego, de que estábamos ante unha nova orquídea.

O seu aspecto ó lonxe recordaba ó satirión corpudo (Dactylorhiza elata), pero unha primeira análise visual xa descartaba a especie. As follas basais, extraordinariamente anchas, e a forma da espiga e as flores, eran inconfundibles. Sen dúbida, era unha planta que ningún dos dous ollara nunca, pero que lembramos ver no volume XXI da “Flora ibérica” do CSIC, volume que comprendía á familia Orchidaceae na Península Ibérica. A resposta chegou esa noite, cando puidemos, xa na casa, examinar, coas fotos realizadas no solpor, a especie atopada, e confirmar que nos atopábamos ante a Barlia robertiana.

A “Flora ibérica” indicaba unha cita (dubidosa) na provincia de Lugo, polo que nun principio supuxemos que estabamos ante unha primeira cita para a provincia da Coruña. Foi pouco despois, en contacto con Elvira Sahuquillo (coautora da “Guía das Orquídeas de Galicia” e autora da “Guía das Orquídeas de Corrubedo”) e Íñigo Pulgar (autor ou coautor de numerosas guías de flora dos espazos naturais galegos, entre elas a de Corrubedo), cando se confirmou que era a primeira cita para Galiza da Barlia robertiana, xa que a cita anterior era dubidosa e moi antiga. Baltasar Merino, recompilou, a principios do século XX, unha gran variedade de especies botánicas na Galiza, na súa “Flora Descriptiva e Ilustrada de Galicia”, referencia incluso actual para os botánicos galegos. Foi en 1909 cando editou o volume III da obra, no que aparece a cita da que estamos a falar. Os cambios na nomenclatura botánica fan que, en 1909, Merino a clasificase como Orchis longebracteata, dando  xa esta especie como moi rara na Galiza, e da que el só atopou un exemplar a carón do pobo de Noceda (Os Ancares), e aínda que dando referencias do prego de herbario (nº1.658) este prego non se conserva, polo que non se pode examinar a planta na actualidade e confirmar que efectivamente se trate da Barlia robertiana.

A familia das orquídeas conta na Galiza con 40 especies (incluíndo á Barlia robertiana), e se distribúen principalmente en afloramentos de calías, como a comarca de Valdeorras (Ourense). Pero as zonas dunares, como na que foi atopada a orquídea xigante, son tamén ricas en calías, procedentes dos restos de cunchas mariñas que contén a area, polo que en lugares como o Parque Natural de Corrubedo, que non chega ás 1.000Ha, pódense atopar ate 12 especies diferentes. Os lugares máis próximos onde actualmente está constatada a presenza da Barlia robertiana, son Asturies e Tras-os-montes (Portugal), sempre sobre afloramentos calíos. Xa na costa, teriámonos que desprazar á praia de Xagó (Asturies) ou á Beira Litoral (Portugal), para atopar orquídeas xigantes nun hábitat similar, sobre dunas grises, distantes iso si, centos de quilómetros do exemplar atopado en Aguiño (Parque Natural de Corrubedo).

A aparición deste exemplar de Barlia robertiana, pode ser entendido como unha esperanza para a conservación dunha especie que se consideraba extinguida na Galiza (cando non ausente), pero, tratándose dun só exemplar (algo moi común na especie, que se dá en pequenos grupos ou individuos illados) podemos estar ás portas da extinción definitiva da especie. De non atoparse outras localizacións, ou novas plantas nun futuro, esta cita podería considerarse a primeira e a última para a orquídea xigante. Na súa localización actual, a pesares de estar no interior do Parque Natural, os sinais indicadores (sinalización perimetral do Parque) foron inexplicablemente mobilizados cara ó interior do espazo natural uns 300m aproximadamente, deixando á Barlia robertiana e boa parte da flora dunar, medrar fora dos límites definidos para este espazo protexido. Así tamén, a propia planta, por desgraza, foi esnaquizada por un forte temporal que se deu no lugar a finais do mes de febreiro, deixando, por sorte, os bulbos no lugar, polo que previsiblemente volva a medrar no futuro. Queda xa pouco tempo para que cheguen as datas favorables para a Barlia robertiana, a única orquídea ibérica que florece no inverno, polo que estaremos atentos para dar boas novas sobre a orquídea xigante na Galiza.

*Tanto Xermán García Romai (autor do blog) como Antonio Parada Mariño, redactaron un artigo para a publicación na Nova Acta Científica Compostelana (Bioloxía) da USC, que foi publicado no  volume 19 do ano 2011 (Páx. 101-102) da recoñecida revista universitaria.

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.