Na procura do licopodio das brañas (Lycopodiella inundata)

Falabamos no artigo anterior dos equisetos ou rabos de cabalo, uns fentos cun aspecto, cando menos, peculiar. Hoxe, seguimos con fentos, pero neste caso abordaremos unha especie, cada vez máis difícil de atopar na Galiza, propia das brañas do país. Fai uns días, un amigo de vello, Álvaro Moraña, púñase  en contacto comigo para informarme dunha poboación de Lycopodiella inundata, que corría risco de desaparecer polo paso de animais nas súas proximidades. O licopodio das brañas ou pé de lobo (Lycopodiella inundata), é un pequeno fento catalogado coma “vulnerable” na “Lista Roja de la Flora Vascular Española” e “En perigo de extinción” no “Catálogo Galego de Especies Ameazadas”, xa que as citas para a especie son, na maior parte dos casos, moi antigas e sen confirmación actual da presenza deste fento en moitos destes lugares, especialmente na provincia de Pontevedra, onde só se constatou unha poboación recente en Gondomar, no 2006.

O pasado domingo achegueime ó lugar. Esta poboación de Lycopodiella inundata atópase na parroquia de Verducido, pertencente ó Concello da Lama (Pontevedra), situándose nunha turbeira moi fragmentada por repoboacións forestais das estribacións da Serra do Suído. En total, esta poboación non ocupa máis que un minúsculo espazo de 3x1m dun claro de monte enchoupado (braña) que non pasa de 10x5m de superficie total viable para a especie, xa que o resto do terreo próximo está ocupado por monte baixo (breixo e toxal) e unha errada repoboación forestal de piñeiro e eucalipto. Pero non só eran as repoboacións forestais, que xunto á seca dos terreos para implantación de cultivos e a construción de parques eólicos son a causa da maior perda de turbeiras na Galiza, as que ameazaban aquí ó licopodio das brañas. Tamén, a procura de tubérculos por parte do xabarín, escarvando entre esta pequena poboación de fentos, estaba a destruí-la planta.

O licopodio das brañas é un fento de aspecto diferenciado do resto das especies, posúe dous tipos de ramas. As fértiles son as que aparecen erguidas verticalmente, en cuxo ápice aparece unha espiga (estróbilo) que contén na base das súas follas (esporofilos) as esporas (método de reprodución dos fentos). As ramas estériles son as que se asentan sobre o terreo, de xeito horizontal, con follas (micrófilos) diferentes das fértiles. Na Galiza aparecen raramente, sendo máis común nos Ancares que no resto do país. Antigamente as súas esporas empregábanse a xeito de pos de talco, tanto para o seu emprego común como para o farmacéutico, na recuberta de pílulas con esta substancia.

Estas brañas de Verducido, a pesares da súa fragmentación e case que desaparición total, amósannos o que debeu ser no pasado unha turbeira con abondosas especies vexetais. No mesmo lugar onde se atopaba o licopodio das brañas, puiden ollar tamén unha poboación dunha pequena planta insectívora, a Pinguicula lusitanica, planta común nas turbeiras costeiras da Galiza, que medra polo xeral a menos de 200m de altitude e que aquí podía atoparse no interior e a máis de 500m. De seguro, haberá que volver por esta pequena turbeira e comprobar en que estado se atopa esta poboación de licopodio das brañas cando a planta estea na súa plenitude, aló pola primavera.

 

Fotos e textos de Xermán García Romai – Natureza Dixital © Tódolos dereitos reservados.